Wednesday 24 de April de 2024

O autobús de coidados Porta a Porta da Xunta remata o seu terceiro día de atención de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria en Mugardos


— Durante os dous meses que leva en marcha este programa xa atendeu de xeito gratuíto a máis de 4700 persoas maiores de 55 anos

— O autocar volverá a achegarse ao municipio coruñés no último trimestre deste ano

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou o autobús do Programa de Coidados Porta a Porta que está en Mugardos. Neste municipio, de igual xeito que na maioría de localidades que percorre o servizo, estivo tres días atendendo de xeito gratuíto ás veciñas e veciños de maiores de 55 anos nos servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.

Antón Acevedo recordou que os oito autobuses equipados pasarán por todos os concellos da Comunidade (dous por provincia), agás as sete cidades. Na actualidade xa teñen recorrido uns setenta municipios de Galicia e atendeu a máis de 4700 persoas. Así mesmo, puxo en valor que a veciñanza está moi satisfeita con esta iniciativa innovadora que a Xunta de Galicia puxo en marcha no 2019 e que agora volve a impulsar motivada polo seu éxito.

Ademais, o director xeral de Maiores e Atención Socioanitaria sinalou que os veciños de Mugardos, así como os das localidades polo que xa pasou o autocar, volverán a beneficiarse deste servizo. A partir do luns o vehículo estará en Baltar, Fene, Fornelos de Montes, Mondariz, Narón, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e Sandiás.

10 millóns de euros
A Xunta de Galicia investirá 10 millóns de euros nesta iniciativa pioneira, que permitirá achegar a todas as galegas e galegos revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de xeito gratuíto.